A RAG celebra o 17 de maio de Luísa Villalta, a “autora que se transforma e nos transforma”

A amizade ten flor que rebenta as paredes, / sobrevive da podremia mutua / e só precisa das fiestras abertas, escribiu Luísa Villalta (1957-2004) en Papagaio. Estes versos do seu libro final, no que lle puxo palabras á crónica fotográfica de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da Coruña, soaron na voz da académica Ana Romaní no comezo do pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebrou hoxe co gallo do Día das Letras Galegas que a institución lle dedica a autora coruñesa. A través de distintos fragmentos e referencias ao seu legado, literario e extraliterario, foise trazando na sesión o retrato dunha intelectual en toda a amplitude do termo. Unha muller que demostrou sempre un compromiso inquebrantable coa xustiza social, coas novas xeracións e coa lingua propia. Seguindo o seu exemplo, é tempo de deseñar para o idioma de Galicia “un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas”, salientou o presidente, RAG, Víctor F. Freixanes, na clausura do acto.

1/14

Na primeira das tres alocucións académicas, Ana Romaní definiu o último volume que a escritora “que transforma e nos transforma” deixou listo para publicar como un “rotundo exercicio de liberdade”. En Papagaio Villalta culminou -considerou- o movemento interno que viña xestando dende había tempo, expresado tamén nestoutros versos de En concreto (2004): Esa son eu / rubindo unha e outra vez as escadas / dun mundo posíbel. Margarita Ledo afondou deseguido no compromiso ético de quen retratou como unha das figuras “máis complexas, atraentes e representativas da fin do s XX en Galiza”, nunha intervención titulada Pensar Galiza, soñar Galiza, andar na que analizou a concepción que tiña a homenaxeada da cultura galega como un proxecto común e de emancipación colectiva; e por último Euloxio R. Ruibal puxo o foco na produción teatral de Villalta, escrita nunha “prosa limpa, precisa, sinxela e ás veces poética” e de estética simbolista.

A RAG celebrou o acto central da gran festa da cultura galega no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o lugar onde naceu e viviu Luísa Villalta, e onde faleceu tamén prematuramente, por mor dunha meninxite, hai dúas décadas, aos 46 anos de idade. A Cidade Alta, A Coruña non oficial de tantos versos nos que, sinalou Margarita Ledo, tratou de “recuperar a inscrición do que se desprezou”, dende unha posición ética ben clara tanto no conxunto da súa literatura como no seu activismo.

A sesión arrincou coa interpretación de dúas pezas de Bach a cargo de Kiyoko Ohashi no violín. Este instrumento foi unha das grandes paixóns, canda as literatura, de Luísa Villalta. A poeta, dramaturga, narradora, ensaísta e articulista elixiu a docencia de Lingua Galega e Literatura como camiño profesional definitivo, pero chegara a titularse en violín, formou parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e a música estivo na cerna de moitos dos seus títulos. Entre eles o primeiro que saíu do prelo, a peza teatral Concerto para un home só, recuperada pola RAG nunha edición conmemorativa coa que foi agasallado hoxe o público que encheu o Teatro Rosalía de Castro.

Tempo de deseñar un novo horizonte para a lingua
O pleno extraordinario rematou coa interpretación do himno galego de Estíbaliz Espinosa na voz e Ohashi no violín, tras a intervención do presidente da Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes puxo o acento no compromiso cívico de Luísa Villalta en todas as súas dimensións, e especialmente na lingüística, nun chamamento a pensar o futuro do idioma propio colectivamente. Pasadas xa catro décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e cando se fan vinte anos do Plan de Normalización Lingüística (2004), “que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar criticamente -tamén dende a autocrítica de todos os axentes sociais, non só políticos-, a realidade do idioma pensando no seu futuro, na súa proxección mesmo alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro” expresou. 

“A Academia non deseña a política lingüística. Non ten esas encomendas. Pero é unha institución crítica que dende o estudo, con datos contrastados enriba da mesa, asume as súas responsabilidades históricas, que veñen da tradición dos nosos fundadores, dende o ano 1906. Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás (toda), necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos, sen vendas nos ollos”, engadiu.

Coas nosas forzas, coa nosa vontade, ofrecémonos dende a Academia para traballar nesa dirección, nun proceso que, repito, non atinxe exclusivamente as forzas políticas, por máis que a elas corresponde a actuación, senón o conxunto de todos os axentes sociais: empresariais, sindicais, culturais, económicos, deportivos, relixiosos, de lecer e de entretemento, medios de comunicación, axentes da cultura… Tal era o compromiso de Luísa Villalta, a quen hoxe celebramos, exemplo dunha xeración dacabalo de dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba ao futuro. Tal era o seu exemplo”, concluíu o presidente da RAG. 

Rubindo as escadas dun mundo posíbel
Ana Romaní propuxo na primeira alocución académica un xogo literario no que debuxou un hexágono de palabras de Luísa Villalta, unha homenaxe sonora aos caligramas dunha autora de “sólida bagaxe intelectual, da música ás matemáticas, do xogo ao símbolo”. O primeiro lado, titulado co verso A amizade ten flor, pertence a Papagaio, coma ese Compartir as cordas de tender a roupa que tamén recitou. Este poemario, constitúe un testamento literario no que Villalta denuncia a explotación sexual das mulleres que habitaron o barrio do mesmo nome, e tamén a especulación urbanística da que foi obxecto este espazo no cambio de século. Porque Papagaio é o froito máis maduro dese “certo estado de conciencia” e do “púxenme a escoitar” villalteses, que foran agradándose na liña de tempo do “profundo e esixente edificio literario” que a escritora construíu.

“Emerxe neste libro a radical enunciación dun suxeito poético que nunca tivo voz e que agora fala. Érguese o texto na clara conciencia da dimensión da violencia estrutural que o precipita: a do patriarcado, a do capital. Hai na mirada de Villalta unha lúcida indagación que remite á raíz do sistema e os seus signos interiorizados”, concluíu a poeta e xornalista sobre Papagaio. Pero a académica foi sinalando tamén outros indicios prematuros desa Villalta máis libre e comprometida, dende o “para ser en outro” de Música reservada (1991), o seu primeiro libro de poesía; ata “todo o meu ser proxectando-o cara afora” de Ruído (1995) e o célebre Así vou eu, formando parte de En concreto (2004).

En clave de xénero leu tamén a académica As certezas de Ofelia, obra teatral na que Villalta creba o guión: “Esta Ofelia, amando, non se perde no amor, tampouco canta. Non sucumbe nas augas do río. Afiánzase no logos e con el reescribe a historia, non só a súa”. Fixo ademais parada en dous ensaios de dúas etapas distintas, “Muller si, pero” (1994) e “Por que os homes non nos len?” (2003), onde a escritora apuntaba que o feminismo é “un proxecto de acción desexábel tamén para os homes”.

Romaní tampouco esqueceu a Villalta articulista, a que se manifestou especialmente nas páxinas d’A Nosa Terra dende xaneiro de 2002 ata só uns días antes do seu pasamento en marzo de 2004. Neses artigos, reunidos postumamente no Libro das columnas, a autora non dubidou en manter unha posición pública e exposta. “Comprométese, toma partido, crea opinión e apenas se comprace. A pulsión que a anima devólvenos a necesidade do entusiasmo crítico, da implicación consciente na acción e no pensar colectivo”, valorou a académica, que reivindicou a vixencia destas pezas. 

Ana Romaní rematou a súa intervención deténdose nunha delas, a que Luísa Villalta lle dedicou a Antón Avilés de Taramancos cando este foi protagonista do Día das Letras Galegas. Coma entón dicía ela do poeta noiés -concluíu-, hoxe na obra de Villalta atópase “a épica dunha vitoria difícil, unha historia colectiva na que ficou encerrada a súa historia persoal co corazón aínda en vilo”.

Pensar Galiza, soñar Galiza, andar
Na segunda intervención académica da sesión, Margarita Ledo afondou na acción e no pensar colectivo, nese “formar parte” que Luísa Villalta practicou en espazos como o Foro Galego da Cultura (FGC), na militancia política ou como membro da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Única muller na comisión técnica do FGC, composta por sete persoas, e directora da área encargada da revisión histórica e a análise crítica da cultura, ela foi quen termou dos fíos de toda a organización que traballou durante dous anos ata a presentación das conclusión no 2000, valorou a secretaria da RAG. 

Villalta asumira aquela empresa con tres obxectivos centrais, segundo deixou constancia nun caderno de traballo, lembrou a catedrática de Comunicación Audiovisual: Integrar e intercomunicar os diferentes axentes culturais nun proxecto común. Fornecer dunha plataforma aberta e democrática para analisar, revisar e planificar a cultura e a criación en Galiza. Pensar Galiza. Soñar Galiza. Nesta nota manuscrita localízanse, proseguiu Margarita Ledo, dúas ideas chave no pensamento de Villalta: “o sentido de comunidade electiva” e mais a posibilidade de construír “espazos de emancipación que resoan nos desafíos creativos, políticos e culturais aos que Luísa se vencella e dende os que actúa”. “Poderiamos exemplificalos na tensión que incorpora o feminismo na sociedade patriarcal ou a lingua galega vs. o español, desafíos que emerxen dese devezo por saber que devala na obra, unha e múltiple, da autora que escribe na procura dun modo de comprender o mundo e comprenderme eu mesma a comprender o mundo”, propuxo.

Canda o compromiso e a cultura, Ledo Andión sinalou  o corpo como outro dos conceptos esenciais no pensamento de Luísa Villalta. E fíxoo nunha andaina en que reivindicou a protagonista deste 17 de maio como unha flâuneuse -en palabras da ensaísta Lauren Elkin-, “unha paseanta” que, como tal, se desvía das rutas trazadas para as mulleres. Transitou así un “corpo-mundo”, o de Villalta, que se distingue -debullou- “como corpo reflexivo, como corpo que mira e é mirado, corpo que non existe sen a outredade”. Un corpo “que anda o corpo amado e os corpos da pobreza”, e que así mesmo “anda e ama A Coruña palimpsesto”, onde é posible recuperar “a pegada dos usos que a xente foi facendo dela”, concluíu. 

O teatro de Luísa Villalta
Euloxio R. Ruibal detívose por último no teatro de Luísa Villalta. Ata estas Letras Galegas 2024, a autora era coñecida sobre todo como poeta. A celebración do seu 17 de maio está a contribuír a visibilizar esoutros xéneros que cultivou tamén con salientables contribucións. Un deles é o dramático, ao que pertence precisamente o seu primeiro título publicado, Concerto para un home só (1989). Despois chegarían outros catro: O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991), As certezas de Ofelia (1999) e Os dóce anos da guerra (2001). 

O académico destacou na súa análise a “riqueza temática e estrutural” do teatro de Villalta, escrito cunha “prosa limpa, precisa, sinxela e ás veces poética”. A estética simbolista é outra constante da súa dramaturxia, caracterizada pola “linguaxe poética e musical, unha atmosfera misteriosa e desacougante, evocadora de impresións, e a subxectividade e o quietismo”. A presenza da mitoloxía, xunto á mencionada linguaxe poética, propicia ademais “unha maior expresividade, dado que o mito, ademais de simbolizar, potencia a lírica e outorga un maior valor literario e dramático aos textos”, apuntou o académico.

O pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, organizado coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, pode verse nesta ligazón.

Unha celebración que se estenderá todo o ano
A Real Academia Galega acordou no pleno ordinario celebrado o 29 de xuño de 2023 dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta, autora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90. A institución anunciou esta celebración como unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. 

Villalta foi unha escritora para facer pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios tanto en poemarios como o inicial Música reservada (1991) como no imprescindible ensaio O outro lado da música, a poesía (1999).

Dende a edición en 1989 da obra teatral Concerto para un home só nos Cadernos da Escola Dramática Galega ata o seu pasamento en 2004 -pouco despois de que fose premiado o seu poemario En concreto-, Villalta publicou máis de quince volumes: dende outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o Don Hamlet de Cunqueiro (1992) ata As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico, alén doutros moitos textos diseminados por publicacións colectivas. Postumamente viron a luz Papagaio (2006) e As palabras ingrávidas (2020), unha edición facsimilar do poemario en construción que estaba a plasmar nas páxinas dun calendario poético do ano 2004 da casa lusa Assírio & Alvim.

Tras o 17 de maio, a RAG seguirá a celebrar a figura e a obra de Luísa Villalta con novas iniciativas, entre elas a celebración dun simposio no último trimestre do ano que reunirá distintas voces con novas olladas á súa produción literaria e á súa traxectoria vital. En outono celebrarase tamén a entrega dos premios do concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras, convocado ao abeiro do proxecto web Primavera das Letras, que ofrece recursos lúdicos e didácticos arredor da autora homenaxeada.

A institución anima a cidadanía a descubrir e a seguir lendo os libros da escritora coruñesa, e tamén a saber máis dela a través da serie documental web Luísa Villalta, a rebelión da palabras. Os seis episodios que compoñen este retrato coral poden verse nesta páxina web, na canle de Youtube da RAG e tamén na plataforma da Galega.

Fotogalería